17/11/17

LÚA. Teatro dos Ghazafelhos

O alumnado de 1º e 2º de Primaria visitaron o Auditorio de Narón para ver a obra LÚA, da man de Teatro dos Ghazafelhos.

Nela cóntannos como a Lúa baixa á Terra para ver que acontece xa que hai moito ruído, berros, enfados… Así vai percorrendo e ensínanos un mundo separado por barreiras e fronteiras, no que non se valora a diversidade nin a xustiza social, un mundo no que uns teñen todo e outros, nada.












8/11/17

Xornadas formativas para alumnado de practicum I e II de Educación Primaria (UDC)

Este martes, 7 de novembro o CPI Plurilingüe Virxe DA Cela Monfero (alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria e 1º da ESO) participou nas Xornadas formativas para alumnado de practicum I e II de Educación Primaria (UDC). Compartimos experiencias e aprendizaxes co alumnado e co profesorado da facultade e con centros educativos que resaltan pola calidade dos seus proxectos educativos.
Esta actividade está deseñadas coa idea é ofrecerlle ao alumnado diversas mostras de propostas metodolóxicas innovadoras para complementar a súa formación no marco do grao que están a cursar e, ao mesmo tempo, animalos a que escollan os centros en que realizarán as prácticas polas posibilidades de formación docente, e non tanto por cuestións loxísticas relativas á proximidade, que é o que acontece na maioría dos casos.

Parabéns aos participantes, a estupenda organización (Estefanía Mosquera Castro) e as familias que nos acompañaron na estadía (Elia e Víctor Arufe Giráldez).
















31/10/17

QUEN DIXO MEDO!!!. VOLVE O SAMAÍN

                 


Xa está aquí de novo o Samaín, unha festa de orixe celta que os EEUU popularizaron como Halloween e difundiron a través do cinema.
Os antigos celtas dividían o ano en dúas metades: unha luminosa, de fartanza, calor e verán , e outra  escura, de escaseza, frío e inverno. No medio das dúas quedaba a noite de Samaín, unha noite máxica na que os espíritos malignos quedaban ceibes e os defuntos visitaban as casas.
Coa chegada dos romanos e máis tarde do cristianismo, a maior parte das tradicións pagás foron alteradas  ou prohibidas. A noite converteuse na de Todos os Santos, aínda que pola costa atlántica de Europa perviviu  o costume de lembrarse dos mortos e a crenza de que as meigas elixían o 31 de outubro para realizar os seus aquelarres.
En Irlanda, as vellas tradicións conserváronse durante toda a Idade Media, e foron os inmigrantes irlandeses os que levaron os vellos costumes aos Estados Unidos

E na nosa biblio andamos entre cabazas e portas terroríficas celebrando o samaín. Preparamos un mural na porta de entrada co título “Eu teño medo a…” onde deixar os nosos medos.
Tamén podedes achegarvos ao recantiño de lecturas de terror onde encontraredes un montón de libros de medo… medo????, quen dixo medo???. Atrévete a descubrilos!!!







SAMAÍN NO CPI VIRXE DA CELA


24/10/17

CUARTO ENTRECONTOS CON SONIA NOGUEIRA

O libro da cuarta edición de Entrecontos, elexido polos nenos e nenas do colexio foi o do autor Maurice Sendak, "Onde viven os mountruos", da editorial Kalandraka. 

Castigado sen cear polas seus travesuras, Max emprende unha viaxe simbólica desde a súa habitación ata un lugar fantástico, atravesando un tempo/espazo mítico e enfrontándose aos seus medos. Alí chegará a converterse no Rei dos monstros. Esta obra está considerada como o álbum ilustrado perfecto.

19/10/17

TERCER ENTRECONTOS CON SONIA NOGUEIRA

Continuamos no colexio co Entrecontos os luns e mércores... este luns descubrimos o libro de Arianna Papini, "Que che gustaría ser?", da editorial Kalandraka. 

Rebeca, que che gustaría ser? Gustaríame ser un peixe para esoitar o silencio e nadar libre no mar. Peixe, que che gustaría ser?. “Que che gustaría ser?” é un álbum para primeiros lectores que se constrúe a partir dunha estrutura narrativa repetitiva e sumando personaxes encadeados entre si. Rebeca soña con ser un peixe, ao peixe gustaríalle ser unha curuxa, esta admira as cualidades do crocodilo... e así sucesivamente con outros animais domésticos e salvaxes, ata un final circular que leva os lectores a unha sabia conclusión: a imaxinación permítenos ser canto queiramos.

SEGUNDO CONTACONTOS CON SONIA NOGUEIRA

O entrecontos de hoxe foi sobre o libro de: Estefanía Padullés Estévez, A canción do Sol, Hércules Ediciones. Destinada a descubrir a historia de Perico: Perico é un galo que vive nunha granxa nas montañas. Sempre é o primeiro en espertar porque o seu traballo consiste en cantar unha canción para chamar polo Sol. Pero un día, Perico queda durmido e o Sol non sae. Disposto a arranxar este problema, Perico emprende unha viaxe nun barco de papel para buscar o Sol e cantarlle a súa canción. Logrará atopalo? Conseguirá a canción de Perico que o Sol volva saír?


17/10/17

5 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DOS DOCENTES



Esta fermosa e metafórica "árbore do saber" ilustra unha conmemoración que queremos ter moi presente: O Día Mundial dos Docentes. Celebramos e destacamos a labor tan importante que os docentes xogan na educación unha data no calendario, o 5 de outubro, aínda que sabemos que cada día do ano é igualmente importante. Nesta ocasión o lema elixido é "ensinar con autonomía empodera aos docente". Moito ánimo e... adiante!!

O NOSO COLE NA PRENSA

PODEDES PREMER NAS IMAXES PARA LER AS NOTICIAS








O CPI VIRXE DA CELA: 1º PREMIO PROXECTA DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2017







              

              
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa correspondentes ao curso 2016/ 17, que teñen como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta. Durante a súa intervención o conselleiro salientou o poder da educación e da formación para acadar as mellores oportunidades que nos brinda o tempo no que vivimos, “a fin de convertelas en novas posibilidades de crecemento económico e social”. Neste sentido, sinalou os Premios Proxecta como uns galardóns que contribúen a que o ensino se adapte ás expectativas futuras, dado que buscan incentivar o desenvolvemento de técnicas de innovación educativa, motivadoras, dinámicas e á vangarda. 

    Desta forma, estes galardóns recoñecen a traxectoria colaborativa e multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo. Así mesmo, contribúen a preparar ao alumnado “para facerse oco nunha sociedade cada vez máis tecnificada”. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a todas as persoas que fan posible tanto o Plan Proxecta como os premios o seu esforzo diario e compromiso coa educación como ferramenta para mellorar o futuro. Así mesmo felicitou a docentes e alumnos polo traballo realizado, que serve de exemplo de boa práctica e axuda a avanzar ao conxunto da comunidade educativa. 

 Centros galardoados


Na categoría A, dirixida ás Escolas de Educación Infantil (EEI), aos Colexios Rurais Agrupados (CRA), aos Centros de Educación Especial (CEE), aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e aos Centros de Educación Primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol). 

Na modalidade B, destinada á participación de Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside). 



4/10/17

SESIÓN DE CONTACONTOS CON SONIA NOGUEIRA



Hoxe, luns 2 de outubro de 2017, imos a comezar un proxecto de contacontos coa nosa convidada Sonia Nogueira. Contará a emocionante sensación de "ser amigo", baseándose no libro deste mismo título de Arianna Papini (ed. Kalandraka).


A COLECCIÓN MIRANDA NA NOSA BIBLIO

 Miranda é unha nena de oito anos soñadora, sensible,  inquieta e curiosa. Por iso, cando o seu gato Alfredo faina trastabillar e rompe o dedo meñique (un dedo tontorrón, a verdade), o mundo cáeselle encima. Toda unha semana sen poder moverse! Un aburrimento. Menos mal que a súa nai comeza a relatarlle a historia de Frida Kahlo, unha pintora excepcional que tivo que gardar repouso por enfermidade en moitos momentos da súa vida. Da man de Miranda, repasamos a biografía de Frida, unha artista revolucionaria dotada dun inmenso talento artístico e unha forza de vontade extraordinaria.
A colección consta de varios  títulos, e neles preténdese achegar aos nenos as biografías de mulleres tan destacadas como Juana la Loca, Marie Curie, Coco Chanel, Indira Ghandi ou Frida Kahlo entre outras.


Se queredes descubrir a vida destas magníficas mulleres, xa sabedes... achegádevos á biblio!!!

Como identificar noticias falsas – IFLA

A IFLA (International Federation of Library Associations and Institutions) publicou hai un tempo esta infografía na que se lembran algúns aspectos a ter en conta á hora de valorar a información e a fiabilidade das noticias: How To Spot Sake News

Traducida ao galego, lembrámola nestes comezos de curso como unha ferramenta para a imprescindible alfabetización en información, na que podemos ir introducindo ao alumnado desde ben pequenos, e aproveitando o interese polos temas que xorden no medio ou no transcurso das investigacións que realicen nas diferentes fases dos seus traballos.  (Agradecemos a Manuel Iglesias Fernández a tradución ao noso idioma).

26/9/17

Chegan os ESCORNABOTS á Biblioteca Castelao

Temos un novo espazo na biblioteca dedicado ás novas tecnoloxías, chamase: FERRRAGANCHOS

Neste espazo atoparedes unha mesa de luz con moitas cousas para experimentar e tamén están os robots Escarnabots "Brivoi".

Aquí podedes empezar a coñecelos vendo este vídeo da súa montaxe:

22/9/17

NOVOS ESPAZOS DA BIBLIOTECA

Como xa sabedes, o curso pasado comezou a remodelación e ampliación da nosa biblioteca. Tiramos tabiques e aumentamos espazo que redistribuímos creando novas zonas, ampliando o número de ordenadores e postos informáticos, creando novas seccións como o espazo de ferreganchos onde están os escornabots e a mesa de luz, aumentamos o espazo dedicado ao cómic, puxemos unha mesa redonda  para reunións e usos múltiples…
Estamos moi ilusionad@s con todo isto xa que supuxo un gran esforzo e moito tempo por parte de todos  conseguir este novo espazo para toda a comunidade educativa.
A continuación tedes un plano coa nova distribución de espazos e unhas imaxes  da nosa biblio.











18/9/17

BENVIDOS AO CURSO 2017-2018

Xa estamos de volta!. A biblioteca de novo abre as súas portas.
O verán rematou e queremos empezar o novo curso con alegría.
Aínda que de seguro moitos de vós non deixastes de ler nestas vacacións, animámosvos a visitar desde primeiros de outubro a nosa biblioteca escolar.
Temos moitos proxectos na cabeza para poder traballar ao longo do curso e, para levalos a termo, contamos coma sempre coa vosa colaboración.
Ah!!, e lembrade que unha finalidade da nosa Biblioteca é que sexa un recurso aberto a toda a Comunidade Educativa, co fin de dar oportunidades a todos os que non dispoñen de recursos documentais e de lecer nas súa contorna.
E sobre todo o noso obxectivo é VOLVER a ofrecerche recursos atractivos, maxia, misterio, animacións... posibilidade de elaborar proxectos, de documentarte, de ler e escribir,de apuntarte ao club de lectura, de coñecer escritores, de tomar prestados libros, de fomentar valores, de gozar e aprender co noso concurso “O Preguntón”... Alegría e diversión non che faltarán.

Achégate á nosa bibliotec@, nela atoparás un mundo de información e diversión.

13/6/17

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA DA CORUÑA GONZÁLEZ GARCÉS

O pasado martes  6 de xuño os compoñentes do Club de lectura Larpacontos, visitamos esta biblioteca, unha das máis grandes de Galicia e tivemos a oportunidade de coñecela por dentro tanto as salas de acceso público como os arquivos de acceso restrinxido. Así mesmo explicáronnos o seu funcionamento e todos os servizos dos que dispón, presenciais e tamén a través de internet: BIBLIOTECA PÚBLICA DA CORUÑA GONZÁLEZ GARCÉS



 Percorrimos todas as salas
 Neste espazo teñen a banda deseñada, unha enorme colección de cómics
Rematamos na sala infantil e xuvenil
Foi un día especial para rematar o segundo ano do Club Larpacontos