12/05/11

O pequeno señor Paul


"Cando o pequeno señor Paul era un señor Paul aínda máis pequeno, vivía nun mundo cheo de libros. A casa dos seus pais estaba de arriba abaixo chea de libros. Había libros no salón, libros no soto, mesmo no faiado había libros en andeis.Poderíase pensar que a familia Paul vivía realmente nunha Biblioteca. Mesmo algúns dos mobles eran libros.Había tallos feitos de libros, unha butaca de libros, e co atlas enorme do avó fixeran unha mesa.Dependendo da páxina por que estivese aberto, a familia podía almorzar en América, cear en África ou tomar o café na Lúa..."

Así comeza este fermoso libro de breves relatos onde a lectura é o centro da vida dun entrañable personaxe, o señor Paul, protagonista de todas as historias.Estes relatos, orixinais e sorprendentes, presentan unha mirada inxenua e aguda da realidade: libros con finais diferentes segundo quen o lea, que contan a vida daquel que os le, que crecen nas árbores, personaxes imposibles (como o vendedor de habilidades, ou o muñeco do semáforo, que cobra vida), e sucesos surrealistas. No mundo do señor Paul, todo o que teña espazo entre as tapas duras dun libro e o que faga vibrar a alma dun lector é posible. E todo iso, son moitas, moitas cousas…

O autor do libro, Martín Baltscheit, móstranos cómo sin a lectura a vida é moito máis pequena.

09/05/11

Lois Pereiro



Este ano o día das Letras Galegas, o 17 de Maio, está adicado ao poeta monfortino Lois Pereiro.

Tedes información moi completa sobre o autor: biografía, obra, fotografías e vídeos,comentarios a súas obras.... na páxina de AENDL (Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) .Tamén hai na devandita páxina abundante e variado material didáctico: paneis, webquest...

Neste video podes escoitar algún dos seus poemas da man de Arturo Casas, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Antón Lopo que len poemas de Lois Pereiro.

O CEIP Condesa de Fenosa elaborou este estupendo traballo sobre LOIS PEREIRO



Para rematar tedes dous artigos un de Aarón López en Galiciaé :

Lois Pereiro, a encarnación dunha xeración (15/09/2009)


E o outro de Daniel Salgado en El País:

O día en que o punk entrou na Academia (2/07/2010)

O alumnado de Primaria do noso centro fixo o seguinte mural sobre a vida e obra de Lois Pereiro:


08/05/11

Un avó especial


O libro “Un avó especial” está baseado na obra teatral do mesmo nome que a compañía “Migallas Teatro” creou no ano 2005 co asesoramento de AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra), co obxectivo de axudarlles aos nenos e nenas a comprender mellor a doenza do Alzheimer.
O texto de Carlos Yus e as ilustracións de María Campos contan a relación entre un avó e a súa neta desde que esta nace ata que ten doce anos. O avó cóidaa, ensínalle ditos, cantigas, xogos... Co paso do tempo sucédense as risas e os enfados entre os dous pero, un día, o avó comeza a ter moitos despistes e, ademas, cámbialle o carácter. Rosiña, coa axuda dos seus pais, ten que facer fronte a esta nova situación.
Tamén trata o tema da relación entre os/as nenos/as e os/as anciáns/as en xeral así como diferentes modos de educar aos nenos por parte dos membros da familia. Os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural.
Tedes unhas cantas propostas para traballar na seguinte unidade didáctica do espectáculo de Migallas Teatro "UN AVÓ ESPECIAL”.